Archive for Febreiro, 2008

21
Feb

Meus ben queridos amigos

   Posted by: donatoll    in Contacontos

Ouvístedes? Atrévense dicir que podedes matar, que matades, a min mailos meus, incluso con dor, lentamente. Sanitarios coa autoimposta categoría de autoridades ousan cubrirte de falacias. A inquisición usou a fogueira, as ditaturas a represión e o sistema que hoxe nos goberna ármase coa mentira pra reprimi-los desfrutes que otorgas.

PitilliñosGrazas, pitilliño dos bos días. Eres o definitivo trampolín ata esa motivación que me leva a afronta-lo día a día con enteireza e ilusión.

Grazas, pitilliño de vou conducindo. Mergullándome no teu mundo, a viaxe por estas terras, por este mundo físico, fáiseme máis lixeira, incluso agradábel.

Grazas, pitilliño co café. Adéntrome por completo no novo día, e ti agasállasme coa enerxía que ben necesitarei para cumplir un episodio vital máis.

Grazas, pitilliño de compañeirismo. Ti me fas máis amigo dos meus amigos, mási amábel cos que non coñezo moito, máis xeneroso cos que hei de coñecer.

Grazas, pitilliño do postre. Fortalécesme ao me amosares que este pan o teño ben gañado. Fasme sentir orgulloso de ser un escravo máis do sistema, enchéndome de ledicia por cada gota de suor que boto.

Grazas, pitilliño das malas novas. Porque nesas ocasións en que a vida golpea con dureza, ere-la única luz que me ilumina, esa voceciña que me convence de que aínda hai cousas que merecen a pena.

Grazas, pitilliño das boas novas. Transmítesme ese saber estar imprescindíbel para non perde-la cachola, pero tamén a sabiduría pra saber disfrutar dos bos intres.

Grazas, pitilliño de por facer algo. Se por ti non fose, quen sabería en que malas cousas estaría invertindo este fermoso tempo.

Grazas, pitilliño co cubata. Só ti eres o perfecto contrapeso para que teu curmao non me acabe tirando ao chan.

Grazas, pitilliño do vicio. Por impedires o esborrecemento, por botarlle esa pouquiña sal que faltaba pra enriquece-los gozos desta vida.

Grazas, pitilliño da risa. Por amplia-los meus límites moito máis aló da imaxinación. Por debuxar esa sonrisa inocente, imparábel.

Grazas, pitilliño de despois. Só contigo sei que a vida é puro placer, que te quero volver a ter comigo canto antes, e que cada vez te me alongues un pouco máis de tempo.

Grazas, pitilliño das boas noites. Perfecto transporte deica o mundo máxico que me agarda, onde ben seguro que te seguirei vendo.