Archive for Outubro, 2008

5
Out

Un domingo calquera

   Posted by: donatoll    in Contacontos

A mirada fixa nos pés, neses zapatos noviños de estrea, conservadores aínda do seu orixinal brilar, aloumiñados por riba por uns pantalóns perfectamente alisados, anos facía que non saían do armario. Co ombreiro pousado no fresco granito, por tantos séculos eiquí posto, testigos da vida e da morte, da ledicia, da tristura, dos cantos, dos choros, Co sol quentando pola espalda, coas bágoas mollando por diante. …estamos hoxe reunidos eiquí…. Aquel primeiro bico, a primeira noite, os sorrisos cómplices, as apasionadas miradas que durante tanto tempo encheron de ilusión o recuncho da imaxinación, comezan hoxe a afogarse no escuro pozo das lembranzas. Ese futuro de felicidade que semellaba ao alcance da man, bastaba con pecha-los ollos, desvanécese só con volver abrilos. …que fale agora ou cale pra sempre…. Por dentro golpean forte os derradeiros coletazos desa inxenua esperanza, que no pasado motivaba a erguerse cada día, e que agora fai sentir tan amargamente as cruezas da derrota. O futuro núbrase de incertidume, ou quizáis faise máis certo que nunca, malia todo escuro camiño polo que non apetece andar. Misturado entre o alborotado xentío, tods eses rostros amosando unha ledicia xeral desbordada, o seu consegue forzosamente esbozar unha leve risada. Alguén ao carón di algo, pra qué entendelo, i énchelle as mans dese eterno símbolo de felicidade, inútil ferramenta en poder da desdventura. De súpeto irrumpen en berros aínda máis fortes, máis ledos, se cabe. Os protagonistas desta nada devezada película vense mergullados en repetidas mostras de amor, parabéns, aplausos, apertas, bicos. Todos queren apalpalos tan só por uns momentos, sentirse parte de toda esa felicidade que lles agarda. Todos, menos un.