Archive for Setembro 19th, 2011

19
Set

Alén dos soños

   Posted by: donatoll    in Contacontos

Os primeiros raios de sol comezan a asexar dende oriente, mais ben poucos conseguen driblar as densas nubes que abrigan aló arriba, grises, artífices da humidade que adorna o chan, feble reflexo das datas que van quedando xa atrás. Poucos, tamén, son os paxaros que gostan destas paraxes urbanitas, inda que agora sexan suficientes pra porlle ritmo a esta gustosa quietude, silenciosa paz coa que o novo día empeza a ver a luz, só entorpecida polo chirlar dos freos dalgún que outro despistado vehículo.

Bo momento pra entreabrir a persiana, pra docemente medio encher de mañá a habitación, unha pouquiña de luz pra desfrutar mellor dos acontecementos tan intensos que están a albergar estas catro paredes; un sutil xeito de esvaecer eses fumes de victoria que flotan inquedos, só detidos polo teito na súa gloriosa ascensión.

Dous corpos que pacen no leito, de lado, en paralelo, mantendo uns centímetros de distancia, mais non de seguridade: xa horas atrás desapareceu calquera medo. Dous corpos que se observan, impávidos, coa pel de galiña propia desa transición dende unha intensa calor a un repousado frescor, comunicándose mediante o máis suave dos tactos, nacente nas xemas, morrente nos terreos máis apoucados. Despreocupadamente agochados baixo das sabas, docilmente impregnados do escaso alumear matinal, van evaporando as derradeiras gotas de suor que aínda surcan por algures.

Dous corazóns que, acompasadamente, van latindo en decrecente ritmo, reclamando un chisco de repouso, dende a necesidade de amorear as forzas necesarias, co obxectivo de palpitaren como gostan, como antes.

Dúas miradas ancoradas alén dos ollos, tratando de sacar a inevitable fotografía para a lembranza, pedindo guerra, pedindo paz. Dúas miradas que ata agora non se cruzaran tan bruscamente no camiño, pero que cren coñecerse dende séculos atrás, escribindo unha conversación xorda, mais rica en adxectivos, cargada de ilusións acochadas, aclimatada por aínda inconfesabels sentimentos.

Dous beizos que, dende a inminente incomodidade da sequía, pasan a rentes, un suave roce, un explosivo rexurdir de pracenteiros calafríos. Inmerollable xeito de enfrontarse a ese momento no que as palabras son innecesarias, vacías, insuficientes.

Dous soños que comezan cedo, mais devagariño, inseguros de saberen utilizar o maxín pra mellorar a realidade, temerosos de atopar antes do previsto un final.

Un espertador que atrona, unha man que atina a calalo, pra despois remexer no vacío, mais sen provocar por elo sorpresa algunha.