Archive for Febreiro 19th, 2013

19
Feb

Aquela moza que unha vez tiven

   Posted by: donatoll    in Contacontos

Hoxe invadiu o meu pensamento unha lembranza, unha desas experiencias que gardo nos estantes preferentes da memoria, eses estantes que colgan do teito da habitación, ese teito ao que recorro cando o maxín non deixa lugar ao sono; hoxe levo todo o día pensando naquela moza que unha vez tiven.

Lembranza que viu a min a través dun escote, un de tantos, no medio desa guerra que, como cada mañá, ducias de escotes veñen a librar a estes vagóns do metro. Aí se apostan os un fronte dos outros, sen aliados que valan, sen outro obxectivo que a vitoria final. Como en todo conflito armado, as características dos batallóns determinan o éxito na liña de fogo. Os máis carentes en recursos e materia prima son os que estudan mellor a súa estratexia, traballan un máis minucioso plan e saben agardar pola súa quenda dende as trincheiras; técnicas que xeralmente os levan a acadar bos resultados e, incluso, ás veces, fitos memorábeis. Os máis rexos intimidan a base de forza e músculo, o medo e a súa principal baza, grazas a el vénse en vantaxe dende o comezo e atacan os primeiros; malia que nesta guerra non sempre quen golpea primeiro e quen vence. Mais os favoritos son sempre os máis expertos, os curtidos en mil e unha batallas, os que levan anos de preparación física, os que, ademais, dominan a faceta psicolóxica do xogo: non só minando a moral dos seus opoñentes, senón que tamén poñendo ao entorno do seu carón, convertendo o feudo na súa casa. I en medio de tódolos adversarios, esquivando as balas perdidas, estamos aqueles nos que ninguén pensa, aqueles que non aparecen nos libros de historia, aqueles sobre dos que ningunha nova se publica, aqueles sobre dos que os gobernos menten: as vítimas civís.

Había esta mañá un escote que non tiña nada de excepcional, non amosaba máis ca outros, non sabía converter o desexo en transparencia, non apuntaba deica o apoxeo nin deica a depresión; de feito, nin sequera atraía inicialmente a miña atención. Ata que fixo o movemento oportuno e, vendo unha presa doada en min, deu un paso á fronte e, por uns breves intres, converteuse en todo o recheo do meu campo de visión, atrapándome baixo o influxo dos seus poderes hipnóticos, deixándome groggy primeiro pra, despois, asestarme o definitivo golpe, traéndome á memoria o escote daquela moza que unha vez tiven.

Lembro cando a vin por primeira vez, un caloroso día de estío, naquela praia cuxo nome teño esquecido. Deitada na area, vestindo un bikini de cor pistacho, lucindo a súa xove e coidada liña, escurecendo a súa tersa pel baixo o xusticeiro sol da unha da tarde. Ese canso arquexo, ese formigo na zona do ventre, esa suor nerviosa, ese sorriso de orella a orella, esa sensación de “esta é a boa”: todo se conxugou nunha irrefreable seguridade en min mesmo, que me levou a saír do meu acocho, que me empurrou nos primeiros pasos, que me conduciu ao seu encontro. Non importaba a súa reacción, sabería atopar as verbas axeitadas. Alcanceina, pra quedarme de pé, fronte dela, observándoa. Non era tan atractiva como semellaba dende lonxe, pero xa me sabía vítima do amor e das súas xogadas, terxiversando as miñas percepcións, nubrándome a vista, impedíndome ver a súa divina beleza. O sono facíalle non inmutarse coa miña presenza, incómoda pedra no camiño esta, pois non podía ser eu quen a privase de tan fermoso momento. Aí agardei, sen mover a posición, sen mudar o sorriso, sen perder o máis mínimo detalle. Non tardou o sol en sentirse preto das miñas costas, case acariciándoas, obrigándome instintivamente a moverme e brindarlle a Lourenzo outra parte do meu esbelto corpo. Acción que involuntariamente fixo saltar unha desas alarmas que as mulleres teñen activas mentres dormen: así como os raios solares deixaron de tomar contacto directo coa súa pel, a muller ergueuse sobresaltada, enfocando ás présas a súa vista baixo aquelas lentes escuras, contendo unhas palabras que caldas semellaban soar mellor. Esa reacción non era exactamente a desexada, non só se espertou ela, tamén o fixo a fera que levaba dentro. Non podía coñecerme baixo esas circunstancias, o que mal empeza, xa se sabe. Tiña que disimular: isto foi un accidente, eu só pasaba por aquí, de feito, nin me decatei da túa presenza, a pesares de que sexamos os dos únicos habitantes deste lugar. Comecei a andar en calquera dirección, que corrixín porque non era a auga o que procuraba, camiñando amoucado, trazando, co pé e sobre da area, a palabra fracaso.

Pra cando ía pola ese, a muller ergueu a voz, a man e pediume que acudise a ela. Vireime, sorrín, puxen cara de “¿é a min?”, volvín sobre os meus pasos, contendo un impulsivo sprint inicial e, como quen non quere a cousa, alí fun. “¿Crema?”, díxome, amosándome o bote de protector solar cunha man e sinalando as costas coa outra. Crema, nunca ninguén me dixera nada tan bonito.E foi a muller da miña vida, á que ía ter nas miñas mans e, esta vez, ademáis, de verdade. Dende o primeiro momento souben que o conseguiría: cando un cre nas súas posibilidades, nada hai que o poda deter. Se non tivera tido a brillante idea de espertala con aquela sutileza, se non tivese tido esa rápida reacción cando se ergueu, se non tivese feito gala dese sedutor camiñar que tan conseguido teño, nada disto tivera ocorrido. Non necesitou a rapaza ouvir palabra algunha pola miña parte, un amplo sorriso e uns lustrosos ollos foi toda a resposta que necesitaba. Así, permanecendo sentada, botouse un chico para atrás, abrindo un pouco as pernas, deixando tres cuartos de toalla libres ante si. No meu libro de récords particulares cítase ese intre, xusto ese intre, como o momento no que tiven a erección máis rápida. Non só en aceleración, senón que tamén en duración, pois, dando un par de palmadas na toalla, díxome: “Ven pra acá, que tés as costas coma un tomate”. Así, dándome crema no lombo, foi como coñecín a aquela moza que unha vez tiven.

Lembro cada verba daquela conversa, de como as circunstancias –isto é, sen contacto visual directo- permitiron a dúas almas solitarias como as nosas abrirse con sinceridade e con celeridade, contándonos nosos máis obscuros segredos, as nosas máis íntimas penas, os nosos máis medos. Cada un fixo un breve repaso do seu pasado, como se o tivésemos estado vivíndoo durante anos ata que chegase o momento oportuno de sacalo á luz; coma quen garda unha flatulencia nun lugar pechado, rodeado de xente, pra escapulirse á mínima posibilidade, coa escusa de “necesito tomar o aire”, saír ao exterior, deixala fluír e ver que hai compañía coas mesmas intencións. O compartirmos ese feixe de experiencias que marcan unha vida, ese alivio ao liberarnos delas, fomentou unha unión que ía medrando a canda a crema ía sendo absorbida pola miña pel. Así nos decatamos do similares que eran as nosas vidas, de cómo ámbolos dous eramos vítimas dos prexuízos máis superficiais desta sociedade, de cómo ámbolos dous sacabamos peito e nos sobrepuñamos ás dificultades. Ela, combatendo o seu complexo de fealdade cun intencionado ímpeto ninfómano. Eu, entretendo a miña desesperada procura da muller ideal con contos onanistas. Pero o sabernos xa almas xemelgas, o termos traspasado tan rápido varias barreiras de confianza grazas ao contacto físico que estabamos a ter, tan só retardou a timidez, que nos sobreveu enteira de súpeto, que, despois da crema e xa cara a cara, roubounos calquera indicio de conversa. Aí souben que era o meu momento, era a hora na que o home ten que dar o paso. Inspirei ata inflar o meu peito case tanto como a miña barriga, escribín mentalmente a palabra convicción na miña fronte, alcei a man para fortalecer as miñas vindeiras palabras e collín o papel que ela me acababa de ofrecer. Unha hora, a dirección dun bar e unha apostila, “Trae cartos”. Recolleu as súas cousas, deuse a volta e foise da praia, meneando intencionadamente o corpo pra atraer a miña atención, máis por necesidade que por adorno. Así como desapareceu da miña vista, vireime e, á máxima velocidade que as miñas pernas me permitían, fun correndo ao longo da praia pra alcanzar canto antes o aparcadoiro de bicicletas, para chegar a casa con marxe para prepararme adecuadamente pra esa mesma noite. Varias zancadas máis adiante, os meus pulmóns decidiron deixar de subministrar oxíxeno ao resto do corpo, un claro sinal do meu cerebro, que me ordenou determe, que así viña a dicirme “Garda os teus folgos pra esta noite, vas necesitalos”. Así me fun de alí, podendo ter amosado a miña habilidade pra os cen metros lisos pero, ante a ausencia de público que adorase meus logros, resultaba máis motivador preservar todo o meu potencial atlético pra esa noite, pra uso e desfrute exclusivo daquela moza que unha vez tiven.

Lembro esa tarde, perfeccionando cada detalle da miña aparencia, elevando ao máximo expoñente o aseo íntimo, afeitándome o que nunca me afeitaba, deixando fundirse a folla de cando en cando pra que adornase meu corpo con algunha que outra masculina cicatriz. Púxenme as mellores galas pra o verán: aquelas bermudas de refulxente branco, o necesariamente axustadas pra faceren aínda máis notorio o meu traseiro; aquela camiseta de pescozo alto que marcaba, aínda que non fose necesario, a miña figura; aqueles mocasíns que só o sector máis chic da sociedade calzaba. Abrín aquela colonia que preservaba pra gran ocasión, agasallo do bo gusto da miña nai; usei daquela brillantina cara que, ademais de fixar doadamente o meu cabelo, dotaba dun señorial brillo as miñas elegantes entradas. Collín os cartos suficientes pra unha boa cea de parella, pra uns cantos combinados e pra o que a noite puidese esixir; levei cantos preservativos colleron nos petos internos da miña zamarra, correctamente espallados para que non se fixese notoria a súa presenza.

Unha vez tiven rematado, funme ao lugar e, tendo un par de horas de vantaxe, detívenme no bar de antes, onde me tomei unhas cervexas e onde invitei a un par de quendas aos alí presentes que, coas súas aclamacións mailos seus golpeciños nas costas, se converteron na perfecta afección para quen estaba a piques de vivir unha noite gloriosa. Vinte minutos antes da hora pactada, xa me sentaba eu no restaurante. Non só era de rigor facerlle sentir á muller que ela era a agardada; tamén quixen aproveitar pra estudar tódolos detalles do lugar, sacarlles proveito e utilizalos despois na tremenda guerra de sedución que se aveciñaba. Chegou con estrita puntualidade, un tímido saúdo, un “Qué tal?” obrigatorio, unhas miradas furtivas, un escote que quitaba a respiración, unha mirada que non deixaba de buscar ao camareiro, “Pediche xa?”. Tiña présa en caer presa das miñas dotes amorosas e a piques o disimulaba. “Dúas hamburguesas e un par de xerras”, díxolle ao camareiro sen consultar comigo, dando un imaxinario golpe de autoridade sobre da mesa. Non podía deixar de observala, era incriblemente fermosa, respiraba carácter por cada poro da súa pel, comunicándose con firmeza en cada un dos seus xestos. Vencemos rapidamente a timidez cun diálogo no que me detallou tódolos aspectos do seu posto de traballo, nun dos quioscos desa praia, que aí por Febreiro se atopaba aínda pechado ao público; no que me confesou os seus soños pra o futuro: quería dedicarse ao mundo do cine, de feito mencionou que esa mesma noite tiña algún tipo de casting –malia que, obviamente, acabou deixándoo pasar pola miña culpa-; no que, inclusive, filosofou acerca do amor, asegurando que non cría nel –non sabía que tardaría ben pouco en trabucarse-; un diálogo no que asentía coa testa cada palabra da miña namorada. E, por se aínda quedaba algún paso que avanzar na nosa confianza, cun sonoro arroto tras un grolo de cervexa amosoume que xa non quedaba nada por ocultar entre nolos dous, só faltaba gozar do momento, xuntos, facendo co noso sorriso máis amplo o do outro. Dese restaurante fomos a un bar de copas, onde demos renda solta ao noso lado máis divertido, onde nos contamos aqueles capítulos das nosas vidas que resultaban máis cómicos, onde, entre chiste e chiste, me encarguei persoalmente de que o alcohol fose o reforzo necesario pra que xa nada puidese botar a perder a bonita historia que alí se estaba a forxar. Seguiron unha serie de flashes e algarabías que non lembro con detalle, pero que certamente foron o mellor preludio posíbel a unha longa noite no seu niño do amor, con quince minutos de paixón desenfreada e unhas eternas horas de sentimentos aflorando a través de tódolos agarimos que le dediquei ao seu durmido corpo, que descansaba rendido ante a descarga física á que a viña de someter. Fundín a miña cara na súa frondosa cabeleira, que desprendía un suave aroma a xampú mentolado; cun brazo protexíaa dos males do mundo pra que puidese soñar tranquila; cunha man tapáballe os peitos pra que non sentise vergoña ante imaxinarios miróns. Aínda durmindo, amosaba a súa ledicia por terme coñecido, pois por medio das súas parasomnias non deixou de repetirme o moito que me desexaba, se ben cando se espertase tiña que lembrarlle que non me chamo Bruno.

Así terminou a miña noite con aquela moza que, unha vez tiven, colguei do teito da miña habitación e non deixei fuxir.