Archive for Abril, 2013

17
Abr

A primavera

   Posted by: donatoll    in Contacontos

Os primeiros días de cada primavera traen sempre consigo, se non hai desgraza que o arruíne, un cúmulo de sensacións tan extenso como difícil de catalogar, de dixerir inclusive, pois os uns tropézanse cos outros, todos queren ser donos do momento, todos queren coa mesma ansia ser os protagonistas de cada sorriso. Quizais sexa pola suave quentura que envolve calquera entorno polo que nos movemos, convertendo cada paseo nunha inmersión diferente por moito que as rúas sexan as mesmas, convertendo cada asento no lugar perfecto pra deterse un intre e tomar aire. Quizais sexa esa ledicia coa que o corpo goza dos seus primeiros momentos de liberdade do ano, lonxe queda aquela cárcere de tela que apoucaba o desenrolo da verdadeira existencia. Quizais no sexa máis co momento de perfecto equilibrio, entre a Terra y mailo Sol, entre os límites invernais e os excesos estivais, entre o entumecemento de calquera afán e o despropósito dunha borracheira de intencións. E, por enriba de todo, esa sensación dBoat by the river by Isaurae que todo vai en aumento, de que mañá será un pouco máis e mellor; facendo todo isto confluír nun mesmo punto a esperanza, a ilusión, as gañas, a confianza.

Sempre existe un sitio, un lugar, unha situación, un inmellorable emprazamento pra gozar destes días. Este depende dos gustos, das compatibilidades, das posibilidades, dos alcances e, incluso, da fortuna de cada un. Neste meu caso -sen reparar en cal dos aspectos anteriores me trouxo ata aquí-, todos estes pensamentos así paragrafados, todas estas verbas así caviladas, teñen o seu espazo sobre catro madeiras que a duras penas conseguiron o nome de barca; suficientemente longas pra dar repouso ao dorso estirado do meu tronco, malia que obrigando aos meus pés a facer de figurado alerón; coa firmeza necesaria pra evitar a procura dun auxiliar punto de apoio, mais coa suavidade adecuada pra sentir a lixeira inquietude deste río que a mantén a flotar. Coa inmensidade azul alá lonxe, ocupando todo o que estes diminutos ollos alcanzan a ver, perfecto lenzo sobre o que plasmar todo o ata agora dito, ou escrito, ou reflexionado; facendo uso desa tinta branca que, se ben ao inicio móstrase espallada sen ningún indicio de intención, basta cun pouco de maxín pra distribuíla de xeito que estes divagares se convertan en bosquexos, en esbozos que se definan en figuras, que se materialicen en imaxes, que de súpeto adquiran movemento e, de pintar un cadro, se pase nun intre a crear unha animación, sen orden nin concerto, mais posesora de todas as virtudes do entretemento.

A delicada intensidade coa que o día brilla, a acolledora temperatura coa que as horas pasan, o suave vaivén da auga do río… elementos da natureza confabulándose pra a protección e confort dun corpo xa en folga de calquera designio, un corpo que, sen moverse, se bota a un carón pra permitires que a mente conquiste cada segundo do minuto, que goberne ao seu libre antollo todo o tempo que abarca este presente. Unha mente que dedica todos os seus recursos en trazar grandes plans, en ler pra si mesma esas leccións que xa ten aprendido, en imaxinarse vivindo esa nova etapa inexorable e inminente.

Unha leve sacudida axita a barca, desestabilizando o meu corpo, empurrándome bruscamente fora dese mar de ideas no que me tiña mergullado: semella que algo mordeu o anzol. Un intenso forcexo coa cana de pescar, un interminable recoller de carrete, unha figura prometedora a punto de saíres á superficie… pero non é máis que outra lata de cervexa.

Quizais sexa a mesma cervexa daqueles últimos días do pasado outono, aquela que trataba de forzar un sorriso cando o clima non axudaba, aquela que simulaba festexar a fin dunha era que nin sequera tiña comezado, aquela que facía esquecer que seguía sen un peixe que por no prato.

 

[Imaxe: Boat by the river, Isaura]