Archive for Xuño 13th, 2013

13
Xuñ

A alquimista dos soños

   Posted by: donatoll    in Contacontos

Entraches pola miña porta aquela noite baixo o nome do soño, aproveitaches a miña desvalida vixilia, mediáchesme nin media verba, atrapáchesme cunha sinxela mirada, fixéchesme sorrir cun sinxelo aceno, empurráchesme ao meu camastro sen a necesidade de empurróns. Abrazáchesme, e as nosas testas axeitaron as nosas cabeleiras ata convertelas en cálido albergue. Abraceiche, e nosos brazos trazaron alí ata onde todo o noso mundo abranguería: Choramos, e as nosas bágoas evaporáronse cunha derradeira oda a Fufluns nas súas bocas. Estremecemos, e as nosas tremelicas uniron forzas para, da man, alcanzar a morte xuntas. Deixámonos levar, e as nosas almas expulsaron os seus medos, xa os nosos corpos nos escudarían deles no medio da espesura da noite.

Coma soño coñecinte e coma soño mantivécheste fiel, acudindo a min sen a necesidade de campaniña que fixese tronar a casa;abrigando coa túa compaña os meus insomnios de inverno, refrescando coa túa acolledora saliva as miñas apneas do verán; o avión onírico tardaba en despegar, mais sempre transportaba a unhas vacacións inesquecibles. Agardabas paciente por min cando me ausentaba, mantendo a nosa guarida a salvo de calquera inimigo, inclusive ás veces de min mesmo. Só entraban alí os reflexos dese Arco da Vella instalado indefinidamente na beirarrúa de enfronte; coma reflexos entraban á nosa morada e, a medida que se ían espallando, íanse convertendo en notas musicais que, incrustadas nas paredes, dende tódolos recunchos, non deixaban de soar, non deixaban de envolvernos nesas doces melodías asubiadas por galán multicolor que, se ben exhibe os seus arqueados encantos a todo o mundo, só aos máis afortunados ouvidos lles rumorea estes cantos. Un compendio de luz, música e calor, que nos enrolaba e nos mergullaba, náufragos do barco das ambicións, bailaríns dunha danza do lume que derretía os nosos corpos, devagariño, ata deixar que fosen as nosas almas as que seguisen o ritmo.

Ata que unha mañá espertei e non te tiven ao meu carón. A claridade que acompañaba agora ao día era a mesma que ata facía un intre estaba do bando das miñas ideas. O meu corpo erixíase en protagonista da película, ante a ausencia de guión ou dirección por parte da alma. Os meus pés, malia que entorpecéndose, arrastraban para adiante un peso que de súpeto semellaba moito maior. Os segundos suicidábanse antes de tempo, asustados polas atouzadas aí fóra dun carraxento monstro chamado rutina. Os meus brazos estirábanse para apertares un novo día pro que non lembraba ter posto o espertador.

Saía pola porta cando te abalanzaches sobre min. Alí eras, alí estabas, baixo o lume do máis xusticeiro dos astros, zumegando o máis fresco aroma da mañá, murmurando o máis melódico cantar dos xílgaros. Cun brazo priváchesme de movemento, facéndome presa desvalida do máis perigoso de tódolos bicos: ese que sabe a froito prohibido, ese que se desexa eterno mais sábese insuficiente, ese que borra calquera intento de predición do futuro. De súpeto era aquel cativo ao que lle custou vence-la torpeza dos primeiros pasos, a indecisión dos segundos e a falta de ritmo ata de cando se detiña a tomar aire; aquel adolescente que sentiu como inesgotables e indestrutíbeis as novas enerxías adquiridas, malgastadas nun sen fin de sprints a ningunha parte; aquel rapaz que seguiu medrando e, cunha zancada máis ampla, chegaba antes aos seus destinos, mais coa mochila das respostas sempre baleira. Cedo sería aquel home que gardaría o equilibrio cando ti me tomases da man, que atoparía o camiño cando ti me guiases, que coñecería o seu sino ao amparo das túas caricias, que voaría alto erguido polos teus alíxeros bicos.

Co outro brazo pechaches bruscamente a porta que, sen teres aínda deixado de soar, xa se confundía no color e na forma coa parede do edificio. Roubáchesme calquera posibilidade de volver atrás. Cando semellaches ter suficiente, despegaches os teus amorosos beizos da miña poder, despoxáchesme de todo aquilo que non me chegaches a dar, conxelaches calquera indicio de reacción coa túa fría mirada, deches un paso atrás e afastácheste de min; cruzando unhas rúas que, de pronto, tornáronse enverdecidas e trenzáronse formando un arrevesado labirinto entre o cal tardei pouco en perderte de vista.