Archive for Xuño, 2013

27
Xuñ

Na marxe do río

   Posted by: donatoll    in Contacontos

Conta a lenda deste río, que á súa beira viña pasar longas horas unha misteriosa feiticeira que unha vez morou por estes lares. Sobre das xemas dos seus habilidosos dedos, sobre do cunco da súa culler das pocións, sobre da punta da súa alongada lingua, pesan numerosos malfeitos dos que se a cre única autora.
A pesares de que, xeración tras xeración, a lembranza daquela muller permanece nas memorias dos locais, proxectada ao exterior como parte da idiosincrasia do pobo, nunca ninguén se atreveu a chamala polo seu nome. Un basto intento por ignora-la súa verdadeira identidade, por situar as súas raíces alén deste val, por apelidar o mal que portaba con nomes impropios destas terras. Pero aseguran máis aló destas fronteiras, canto máis lonxe con menos reservas, que a protagonista da lenda era a esposa do doutor do pobo, Mr. Scalpel, un home que gozou dunha reputación envexábel. Querido e admirado por tódolos seus veciños, entraban na súa casa aqueixados de grandes doenzas e de alí saían completamente sans e, o que é máis significante, cun profundo sorriso. Ata que a morte, insatisfeita cos malos resultados do seu traballo neste pobo, decidiu atacar e vencer ao seu maior obstáculo. O doutor foi atopado sobre da súa propia cama, xacendo o seu corpo teso, frío e coa pel azulada. A muller desapareceu, declarándose así autora dos feitos, sen necesidade de verbas nin vergoñas.
En boca dos paisanos, acúsaselle coma parte supervivente dun crime pasional cometido por quen xamais aceptou que a exclusividade non era propiedade tamén do amor que recibía. Ninguén tivo nunca en conta outros posíbeis antecedentes. Inclusive existe unha orde municipal que prohibe admitires en público teorías só mantidas fóra de aquí, como esas que falan de infidelidades, de malos tratos ou sinxelamente de meras insatisfaccións.
A casa foi repudiada, a ninguén se lle ocorreu habitala de novo e nunca máis se volveu falar dela, polo menos ata que a feiticeira acabou cos seus ósos, seus bonecos e súas pocións naqueles sotos.
Endexamais se soubo moi ben como ou cando chegou; sinxelamente, empezou a deixarse ver nos seus paseos vespertinos ata o río que bordeaba o pobo, ou nos matinais de volta do mesmo. Nunca ninguén conseguiu ouvir verba algunha na boca da muller, a súa aparencia amedrentaba aos que se topaban no seu camiño, unha especie de aura repelía calquera achegamento; ata aqueles que os veciños máis fedellos realizaban por sorpresa, sempre con sospeitosas intencións. En poucos días, a feiticeira converteuse no principal senón único tema de conversa dun populacho acomodado nos praceres dunha rutina escasa de excentricidades de calquera índole, que atopaba unha boa diversión na doada accesibilidade ao escarnio. Falábase dela nos coros das veciñas despois de misa, conxecturábase sobre as súas habilidades na cama dentro da taberna, botábaselle a culpa polos pixamas mollados nos recreos do colexio, incluso o gando semellaba rumiar máis habitualmente.
E antes de que deixase de ser algo novo, antes de que os chistes deixaran de ser graciosos, comezaron a sucederse unha serie de misteriosas mortes no pobo, todas elas similares entre si. As vítimas compartían un mesmo perfil: homes xoves, sans, destacados nalgún campo da vida, símbolos dun prometedor futuro que ao pobo lle tiña por chegar. Ademais, todos eles foron atopados sen vida, tesos, fríos e coa pel azulada, sobre das súas propias camas.
Apareceu primeiro Joe Anvil, o fillo do ferreiro, do que se dicía que tiña herdado as virtudes do seu avó, famoso aínda hoxe por teres forxado nun só día as armas coas que todo o pobo se defendeu con éxito dos saqueos da banda de foraxidos máis maléfica nunca coñecida. Despois viu Tom Flier, de profesión piloto militar, que paseaba sempre orgulloso as condecoracións coas que, segundo el, o destacaban como principal artífice da vitoria da nación nunha de tantas guerras; pero, a pesares de que nunca ninguén acadou distinguir o máis mínimo espírito gañador nel, nunca se lle deixou de envexar polo mero feito de teres visto tanto mundo. Tamén Charles Brook, respectado mestre que non só levaba a bo porto a educación dos infantes do lugar senón que, ademais, dedicaba seu tempo libre a impartir nocións de historia, literatura, teatro ou calquera outro aspecto que fose alimentar a sede cultural dos maiores. Ou Ben Straw, labrego e gandeiro, que pasaba a maior parte do día na corte recibindo discretas visitas de casadas insatisfeitas, xoves curiosas ou de calquera outra muller cunhas necesidades máis concretas cos seus nomes.
Un tras outro e ata un indeterminado número, foron aparecendo mortos nas súas camas. Sen ningunha pista, sen ningunha evidencia, nunca se chegou a discernir se eran asasinatos ou suicidios. A pesares diso, ningún dedo acusador dubidaba en apuntar á feiticeira. Pouco importaba se o facía presente, na escena do crime, pistola en man, disparando a traición, emulando a Robert Ford; ou se o facía dende os lúgubres sotos da súa casa, xogando con nada habituais bonecos, proferindo incompresíbeis verbas, emulando a Marie Lauveu.
Os xoves pasaron a ser o foco indiscreto de tódalas atencións. Por un carón, as nais centraron tódolos seus sermóns en advertiren aos seus dos perigos que esa muller levaba consigo, desaconselláronlles o máis mínimo achegamento, destruíron calquera indicio de atracción nos misterios que a rodeaban. Inclusive chegaron a reunirse clandestinamente coa fin de trazar un plan de acción común, deseñando meticulosamente os pasos a tomar, dende a emisión masiva de consellos, ata un traballado sistema de espionaxe e control sobre os seus. Polo outro carón, os demais habitantes tentaban saber algo máis acerca daquela muller por medio dos xoves, que eran, supostamente, os únicos con algunha posibilidade de teres tido contacto algún con ela. Dende as preguntas directas ao cruzarse pola rúa, ata estratexias máis coidadosas na confección das conversacións; dende o cura inquisitivo dentro do confesionario, ata os agora xenerosos compañeiros de partida invitando a cervexas na taberna; dende a inocencia das envelenadas frases dos nenos, ata as moedas extra dos xefes. Pero ningún xove admitiu nunca ter compartido nada con ela. É máis, a medida que pasaba o tempo, se sucedían os crimes e incrementaba a presión no entorno, todos coincidían nunha cousa: o medo. Xa non había apostos galáns que non se acovardaban ante as inclemencias da vida, xa non había peiteiras abertas sobre as que despuntara un vigoroso pelame, xa non había cazarrecompensas na procura do valioso tesouro do recoñecemento social. Calquera virtude pasaba inadvertida, calquera aptitude extraordinaria era omitida nas tarefas dos xoves. Deixaron de traballar ben, inventáronse doenzas crónicas incurables, casaron coas feas nas que nunca se tiñan fixado, deixaron os bares á mercé dos pasos lentos e torpes dos seus avós ou incluso recibiron chamadas da armada pra unha guerra da que ninguén tiña nova algunha.
Ao que ningún veciño se atreveu xamais foi a vixiar á propia feiticeira, nin sequera nas súas estancias nocturnas á beira do río. Ninguén pasaba por alí, non vaia ser que o próximo sexa meu fillo, meu irmán, ou meu mozo. Só o sheriff, obrigado polas circunstancias, realizaba algunha xeira de control. Ía na súa carruaxe ata aló, deténdose a unha distancia prudencial, sempre na outra beira. Botaba unha fugaz ollada case sen chegar a pousar o anteollos sobre do ollo e, todo o rápido que o seu bracuñante corpo lle permitía, azoutaba con golpes secos ás mulas, todo pra saír de alí cunha envexábel mestura de celeridade e silencio. Por el sabíase que a feiticeira pasaba as vixilias alí, dende que se poñía o sol ata que este volvía asexar polo horizonte, sentada, cos xeonllos dobrados e o peito apoiado sobre eles, inmóbil, impávida. Proxectando na superficie do río todo aquilo que se depositaba no seu ser. Esta rutina afastaba á muller de calquera adxectivo que a equiparase cunha persoa corda pero, ao mesmo tempo, descartábaa oficialmente como sospeitosa dos crimes pois, vítima tras vítima, todos ían aparecendo mortos baixo a luz da lúa, lonxe do alcance das poutas da feiticeira. Inda así, facía días xa que o pobo tiña ditado sentencia.
Unha desas noites, río abaixo viu unha pequerrecha embarcación, cun misterioso navegante, do que nada se sabía e do que nunca se soubo e que, por ende, estranxeiro tiña que ser. Detívose na mesma beira na que se atopaba a muller, tendeulle a man, provocoulle un sorriso, axudouna a subir a bordo, e levouna consigo alén dos confines do horizonte.
Ningún home máis apareceu morto sobre da súa cama. Mais aínda hoxe séguense atopando moitos corpos tesos, fríos e azulados: os de aqueles homes que deciden nadar río abaixo, naufragando antes de ve-lo mar, buscando a unha asasina que nunca se fixou neles, anhelando un final que perpetuase as súas historias.

13
Xuñ

A alquimista dos soños

   Posted by: donatoll    in Contacontos

Entraches pola miña porta aquela noite baixo o nome do soño, aproveitaches a miña desvalida vixilia, mediáchesme nin media verba, atrapáchesme cunha sinxela mirada, fixéchesme sorrir cun sinxelo aceno, empurráchesme ao meu camastro sen a necesidade de empurróns. Abrazáchesme, e as nosas testas axeitaron as nosas cabeleiras ata convertelas en cálido albergue. Abraceiche, e nosos brazos trazaron alí ata onde todo o noso mundo abranguería: Choramos, e as nosas bágoas evaporáronse cunha derradeira oda a Fufluns nas súas bocas. Estremecemos, e as nosas tremelicas uniron forzas para, da man, alcanzar a morte xuntas. Deixámonos levar, e as nosas almas expulsaron os seus medos, xa os nosos corpos nos escudarían deles no medio da espesura da noite.

Coma soño coñecinte e coma soño mantivécheste fiel, acudindo a min sen a necesidade de campaniña que fixese tronar a casa;abrigando coa túa compaña os meus insomnios de inverno, refrescando coa túa acolledora saliva as miñas apneas do verán; o avión onírico tardaba en despegar, mais sempre transportaba a unhas vacacións inesquecibles. Agardabas paciente por min cando me ausentaba, mantendo a nosa guarida a salvo de calquera inimigo, inclusive ás veces de min mesmo. Só entraban alí os reflexos dese Arco da Vella instalado indefinidamente na beirarrúa de enfronte; coma reflexos entraban á nosa morada e, a medida que se ían espallando, íanse convertendo en notas musicais que, incrustadas nas paredes, dende tódolos recunchos, non deixaban de soar, non deixaban de envolvernos nesas doces melodías asubiadas por galán multicolor que, se ben exhibe os seus arqueados encantos a todo o mundo, só aos máis afortunados ouvidos lles rumorea estes cantos. Un compendio de luz, música e calor, que nos enrolaba e nos mergullaba, náufragos do barco das ambicións, bailaríns dunha danza do lume que derretía os nosos corpos, devagariño, ata deixar que fosen as nosas almas as que seguisen o ritmo.

Ata que unha mañá espertei e non te tiven ao meu carón. A claridade que acompañaba agora ao día era a mesma que ata facía un intre estaba do bando das miñas ideas. O meu corpo erixíase en protagonista da película, ante a ausencia de guión ou dirección por parte da alma. Os meus pés, malia que entorpecéndose, arrastraban para adiante un peso que de súpeto semellaba moito maior. Os segundos suicidábanse antes de tempo, asustados polas atouzadas aí fóra dun carraxento monstro chamado rutina. Os meus brazos estirábanse para apertares un novo día pro que non lembraba ter posto o espertador.

Saía pola porta cando te abalanzaches sobre min. Alí eras, alí estabas, baixo o lume do máis xusticeiro dos astros, zumegando o máis fresco aroma da mañá, murmurando o máis melódico cantar dos xílgaros. Cun brazo priváchesme de movemento, facéndome presa desvalida do máis perigoso de tódolos bicos: ese que sabe a froito prohibido, ese que se desexa eterno mais sábese insuficiente, ese que borra calquera intento de predición do futuro. De súpeto era aquel cativo ao que lle custou vence-la torpeza dos primeiros pasos, a indecisión dos segundos e a falta de ritmo ata de cando se detiña a tomar aire; aquel adolescente que sentiu como inesgotables e indestrutíbeis as novas enerxías adquiridas, malgastadas nun sen fin de sprints a ningunha parte; aquel rapaz que seguiu medrando e, cunha zancada máis ampla, chegaba antes aos seus destinos, mais coa mochila das respostas sempre baleira. Cedo sería aquel home que gardaría o equilibrio cando ti me tomases da man, que atoparía o camiño cando ti me guiases, que coñecería o seu sino ao amparo das túas caricias, que voaría alto erguido polos teus alíxeros bicos.

Co outro brazo pechaches bruscamente a porta que, sen teres aínda deixado de soar, xa se confundía no color e na forma coa parede do edificio. Roubáchesme calquera posibilidade de volver atrás. Cando semellaches ter suficiente, despegaches os teus amorosos beizos da miña poder, despoxáchesme de todo aquilo que non me chegaches a dar, conxelaches calquera indicio de reacción coa túa fría mirada, deches un paso atrás e afastácheste de min; cruzando unhas rúas que, de pronto, tornáronse enverdecidas e trenzáronse formando un arrevesado labirinto entre o cal tardei pouco en perderte de vista.