2
Xuñ

Un chapuzón na praia

   Posted by: donatoll   in Contacontos

O astro rei axustiza dende a máis poderosa de tódalas posicións, ven de convertirse en estrela de oriente e guiar os nosos pasos ata eiquí, o proceso levou o seu tempo, pero neste momento é algo que se considera xusto. Ese Sol que sempre está ahí enriba, que coa súa calor empúrranos a lugares coma este, e arróupanos en intres como o de agora. Unha ollada ó Sol, un sorriso obrigado, un agradecemento latente.

Ahí de pé, brazos en xarra, postura propicia pra esas meditacións previas a cada gran momento. O sumo cuidado ten que ser a principal cualidade á hora de trazar o plan. O Mar, que ben se podería apelidar Medo, agarda estático pero impaciente, a non moitos palmos fronte de nós, ameazando coa súa soa presencia, adobiada, iso sí, cos matices épicos que de sempre lle foron atribuidos por esa ciencia oculta chamada sabiduría popular.chapuzon

Os pés serven de apoio a un noso corpo tenso, case nervioso, como querendo desenvolver algún tipo de aureola protectora, a modo de mostra de forza, mais quedándose en imperceptíbels tremelicadas do home que se sabe indefenso. Sobre unha area que se foi amoldando ao peso que debe aturar, adaptándose á nosa forma, convertíndose no Lugar ideal pra botar amarras durante un tempo que, agora, sabemos indeterminado. Pero á vez, un terreo que por momentos se derruba por algún costado, mesmo se dan casos se dan casos nos que isto ocorre polos catro costados, transmitíndolle á nosa inqueda masa de carne que este, pouco a pouco, está deixando de ser o noso sitio, que vai sendo hora de dar un paso ó fronte, encarar os camiños que o Obxectivo nos ten sinalados.

O apoucado arranque desemboca nun ambiente de intranquilidade xeralizada, primeiros azoutes que empezan a disparar as primeiras alarmas, as hostilidades son xa inevitábels. O Mar comeza a batalla gañando, os liviáns ataques iniciais, cuxa intención non ía máis aló de probar a forza do oponente, conseguiu evidenciar ostentosamente seus máis primitivos temores, ceonvertidos en vergoñas nada doadas de carrexar ante un Entorno que parece observar o desenlace, impávido, a punto de dilucidar se somos dignos de formar parte de él. E apunto de sermos xulgados, sempre desexamos que o veredicto sexa favorábel ós nosos intereses.

Pero os máis afoutos soen ser tamén os máis inconscientes, e movementos máis avanzados non auguran nada mellor, de feito o Mar xa empeza co armamento pesado, embestidas de ondeada forma pero co fungar dun mamut, aos que ningún human vivinte puido escoitar xamáis, pero do que maxinamos rosmaba como estas Ondas. É o momento da verdade, caerse significa voltar demasiado atrás, ter que volver a percorrer esos primeiros pasos tan difíciles, que o serían inda máis coa rémora de pasados Fracasos sobre das costas.

É o momento no que cada un escollerá a estratexia que máis se axeite ás súas capacidades. Os mellor exercitados optarán polo uso da forza bruta, alimentada coa motivación que cada centímetro gañado nos regala, a Dor existe, pero imos batila. Os máis habelenciosos, saberán adentrarse na onda polo punto exacto, no xusto intre, pra sacar un substancioso proveito da forza que ésta leva, e sair non só indemnes vencedores, senón que, ademáis, atesourando unha alegre e rexuvenecida Enerxía. Os máis covardes saberán agocharse e deixar que o perigo pase, sinxelamente mollándolles o cocote, non nos venceu, nós non o vencemos, irrevogablemene, o perigo seguirá na nosa Persecución ata que nos enfrentemos a él.

En calqueira batalla caen máis soldados dos desexados, é unha máxima que se abeira na lóxica de que quen xoga con lume, acaba por queimarse. E a presente nunca amosa unhas estatísticas demasiado esperanzadoras, moitos son os que quedaron atrás, quen sabe se tomándose máis en serio a súa preparación pra se adentrar neste Mar, quen sabe se téndolle cambiado o Obxectivo e sendo escorrentados hacia diferentes mares. O que sí podemos dar por seguro, e que non afrouxarán no seu empeño, e só camiñarán Adiante.

Pero toda guerra ten o seu fin, e só poderán considerarse vencedores os supervivintes, pois máis éxito que derrotar ao oponente, o é seguir con vida un mesmo. Pra todos estes victoriosos, ábrese unha nova Etapa, lonxe do fragor da batalla, pro que non foron entrenados, nin son cousas que se poidan aprender nos libros de texto.

Saber Nadar convértese agora nunha característica sine qua non, pois o tan agardado remanso de paz alén das ondas, pódese convertir rápida i eficazmente na porta ao máis fondo dos abismos, dos que escasean as voltas atrás, e sempre con tintes milagreiros. Quen sabe si é de covardes, ou sinxelamente de intelixentes, reiniciar voluntariamente os pasos, mergullarse nunha nova batalla, que xa sabemos perigosa, mais tamén o único camiño que sabemos andar, e intentar, esta vez sí, sair fortalecidos da mesma.

Pero aqueles supervivintes que xa veñen coa lección ben aprendida, pois xa aloumiñaron o Obxectivo anteriormente, o no caso duns poucos afortunados, que foron fabricados coa habilidade pro nado como componente de serie, deslízanse con suavidade por unhas augas cuxos mainos vaivéns son agora pracenteiros, servindo mesmo de cómoda pra unha maior tranquilidade, leito tanto de inspiradoras reflexións, como de relaxantes momentos en branco. Hai quen di que, máis aló da batalla, alén das ondas, no seu remanso de paz, alguén chegou a atoparse coa Felicidade.

Cada momento da vida, é como un chapuzón na praia.

This entry was posted on Sábado, Xuño 2nd, 2012 at 5:30 p.m. and is filed under Contacontos. RSS 2.0You can follow any responses to this entry through the feed. Both comments and pings are currently closed.

2 comments so far

 1 

La vida que complicada que es a veces o como nos la sabemos complicar. Yo soy friolero para entrar en el mar, también para vivir la vida. Y ahora creo que estoy en un momento que me toca bañarme la Antártida.

Bueno texto, buena reflexión

Xuño 2nd, 2012 at 8:46 p.m.
Xesús Presa
 2 

Boa metáfora dun imenso piélago no que temos que sumerxirnos e de que como cada quen fai unha escolla diferente que finalmente o conducirá a un destino vital. Non quero ser agorero e esnaquizar o teu fermoso paralelismo cheo de salobres referencias e motivos marinos, pero nos ultimos tempos ese mar está infestado de tiburóns, e non che teñen nada a ver cos cazóns inofensivos das illas Cies. Unha aperta.

Xuño 5th, 2012 at 10:08 a.m.